A partir dos anos 80, esas familias, emigraron ás cidades na procura doutras actividades económicas, quedando as súas casas en estado de abandono ata que, en 1979, se adquiriu unha delas por parte da familia Gabeiras; e é aí onde comeza a fraguar o proxecto que é hoxe Eiras de Ares.
A partir de 2020, a Fundación Gabeiras puxo en marcha paralelamente unha análise sobre os problemas e desafíos que enfrontaba o territorio, xerando procesos de escoita e participación cos veciños e veciñas. Deste xeito, recollendo o espírito destas primeiras comunidades ou formacións comunitarias, sumado á iniciativa innovadora desta nova visión, así como á escoita das necesidades do territorio, foise conformando o actual proxecto.
Os diferentes ámbitos de traballo de Eiras de Ares definíronse a través da participación activa e respectuosa en distintos foros e actividades, que a través da escoita, permitiron recoller as necesidades da comunidade de veciños deste territorio.
Unha das principais actividades foi Rural Lab, iniciativa levada a cabo pola Fundación Gabeiras, entidade asociada.
Supuxo unha primeira toma de contacto con axentes locais, expertos e novas xeracións, na que se exploraron oportunidades, trazáronse estratexias e definíronse camiños cara a un modelo máis resiliente, xusto e sostible. Esta etapa culminou cunha conclusión clara: a necesidade de convocar unha residencia de pensamento, un espazo de encontro para reflexionar colectivamente sobre o presente e o futuro do rural.
A rexeneración do rural e o seu potencial como laboratorio de futuro marcaron o dobre enfoque da fase 1.
Esta etapa arrincou coa organización dunha residencia de pensamento (Festival Ares Innova), cuxo obxectivo foi comprender a fondo o contexto do territorio. Realizouse unha análise previa da situación socioeconómica, así como do patrimonio cultural e natural da zona. A partir de aí, definiuse un equipo multidisciplinar formado por persoas expertas en creatividade, xestión de proxectos, desenvolvemento sostible, participación cidadá, mediación cultural, innovación e estratexia.
Deste traballo xurdiron tres retos fundamentais que guiarían as seguintes fases do proxecto.
Activar a península de Montefaro como un territorio vivo de acción, rexeneración e futuro.
Reactivar o aproveitamento das hortas mediante unha rede de produción e distribución local.
Poñer en valor e salvaguardar o patrimonio material e inmaterial da zona como parte esencial do proceso de transformación.
Estes tres retos deron paso á Fase 2 do proxecto, na que se abordan problemáticas estruturais do rural como o minifundismo, o abandono e a falta de gobernanza. Proponse unha estratexia participativa para definir os usos do territorio e do seu patrimonio, contribuíndo ao Plan de Usos do Concello de Ares mediante colaboración público-privada con enfoque social.
Celébranse as “Xornadas para a creación dun Monte Soberano” presentando o proxecto piloto, experiencias similares en Galicia e obradoiros participativos. Todo iso impulsa a creación de dúas propostas de proxectos piloto entre as que se atopaba Eiras de Ares.
En 2023 ponse en marcha todo o aprendido nas fases anteriores. Dende a Fundación Gabeiras trabállase directamente cos axentes locais, identificando e acompañando propostas transformadoras —privadas, públicas ou comunitarias— que estean aliñadas cos principios de rexeneración, sostibilidade e innovación de Rural Lab.
Esta fase consolida Eiras de Ares como un motor de dinamización territorial, cultural e social na contorna da península de Montefaro, que dá resposta real ás necesidades do territorio.
En maio de 2025 ten lugar a cuarta fase de Rural Lab: Innovación para proxectos de agrocultura. Durante dúas xornadas, leváronse a cabo encontros, ideas e propostas orientadas a fortalecer proxectos que integran a natureza e a arte, a recuperación do patrimonio, a innovación agrícola e a rexeneración da paisaxe rural.
Analizouse o pasado e o futuro de Rural Lab Ferrolterra e exploráronse as distintas formas sobre como a cultura pensa a ecoloxía, a agricultura e a ruralidade e que actuacións hai en marcha para a recuperación do patrimonio en Ares e en Galicia. Tamén se presentaron distintos modelos innovadores de colaboración público-privada para a recuperación do terreo agrícola e forestal, e os procesos rexenerativos de agro-gandería e forestal. Como peche, levouse a cabo un encontro aberto pioneiro de proxectos rexenerativos e de distribución de agricultura rexenerativa.
Esta fase de Rural Lab estivo financiada polo Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).