O propósito de Eiras de Ares como Sociedade de Beneficio e Interés Común é o de crear un impacto positivo social, medioambiental e cultural mediante a rexeneración dos terreos e montes da contorna, facendo uso de técnicas de permacultura e de agricultura rexenerativa e sostible, e a xeración de emprego de calidade.
Contribuíndo así á loita contra as consecuencias do cambio climático e contra o despoboamento e abandono da zona, todo isto realizando ademais actividades culturais que poñan en valor o patrimonio material e inmaterial da zona, co fin de que o deseño e a cultura contribúan a unha mellor vertebración territorial e ao desenvolvemento sostible do territorio.
Somos a primeira Sociedade de Beneficio e Interés Común (SBIC) recoñecida en España, unha figura xurídica que representa o compromiso cun impacto social e ambiental positivo, medible e transparente.
Ser SBIC implica integrar no ADN da empresa un propósito claro: contribuír activamente ao benestar colectivo e ao equilibrio ecolóxico. Asumimos o compromiso de actuar con responsabilidade social e medioambiental, xestionando as nosas actividades dende unha perspectiva rexenerativa e sostible. Isto non é só unha declaración de intencións, senón unha folla de ruta concreta que guía as nosas decisións.
Crear un modelo transformador de recuperación, rexeneración e explotación sostible das hortas tradicionais.
Fortalecer espazos de copertenencia no rural.
Implementar técnicas innovadoras de permacultura.
Combater o despoboamento e fomentar a autoestima local.
Poñer en valor a memoria colectiva e os saberes tradicionais.
Mellorar a vertebración territorial e a convivencia interxeracional.
Definir unha metodoloxía de gobernanza e salvagarda de terreos agroforestais.
Articular o deseño e a cultura como ferramentas para a transformación.
Divulgar, protexer e dar novos usos ao patrimonio material e inmaterial.
Xerar emprego inclusivo e de calidade.
Loitar contra o cambio climático.
Rexeneración paisaxística e produtiva
Semente de auga e enerxías renovables
Emprego inclusivo e de calidade
Formación en técnicas innovadoras de permacultura
Distribución xusta de produtos locais
Arte, deseño e cultura
Mediación social na comunidade
Medición e reporte do impacto social e económico
Agricultura rexenerativa
Poñer en práctica un modelo transformador de recuperación, rexeneración e explotación agropecuaria sostible, empregando técnicas rexenerativas e o sistema polyfarming (xestión agro-silvo-pastoral integrada que mellora a sostibilidade ambiental, social e económica), tal e como se aplica noutras zonas da península, pero coas peculiaridades do terreo galego e a presenza de animais de granxa autóctonos.
Rede de distribución
Xerar unha rede de distribución local, prezos accesibles e consumo saudable que revitalice a agricultura local, mellore a vertebración territorial e xere unha revitalización da zona (creando postos de traballo, formación específica e un servizo de calidade). Distribuír a través de canles directas ou curtas có mínimo impacto ambiental.
Plan agroforestal
Crear un polígono agroforestal para facer frente ao abandono dos montes e a recuperación da explotación forestal cunha visión máis sostible (madeireira, ‘bosque alimento’ compensación da pegada de carbono). Modelo de cogobernanza respectuoso e innovador, pero que enraiza coa idea de monte comunal e cooperativismo.
Formación
Acollemos alumnos e alumnas en formación formal, talleres específicos en agricultura rexenerativa, fomentando a transferencia de coñecemento e creando unha rede de agricultura rexenerativa.
Turismo rural e sostible
Explotar en réxime de arrendamento turístico as vivendas rehabilitadas fomentando un modelo de turismo respectuoso, sostible e en convivencia coas labores agrícolas. A construción realizarase con materiais sostibles, locais e respectuosos có medio.
ACTIVIDADES CULTURAIS E ARTÍSTICAS
Tamén queremos contar con estancias artísticas e pasantías para creadores locais ou de calquera territorio que utilicen a creación artística como medio de comunicación, xeración de coñecemento e difusión da zona.
Cada persoa que forma parte do proxecto aporta a súa experiencia e creatividade para impulsar o noso crecemento.
Dende Eiras de Ares ofrécese un emprego digno, apostando pola formación dual para aqueles estudantes de FP de Técnico Superior en Xestión Forestal e do Medio Natural para que realicen o seu primeiro traballo nas nosas terras e consoliden unha primeira experiencia laboral que impulse a súa carreira.
Subvencionado polo IGAPE